Friday 26 de April de 2024

Os socialistas de Ordes pedirán que se utilice o Canon da Auga para arranxar os fendidos depósitos de Reboredo


 

Lembran que a Xunta non investiu nin un euro do recadado polo canon en Ordes dende a súa implantación en 2012, mentres que as achegas da Deputación se duplicaron con respecto a 2014

O grupo municipal socialista de Ordes vén de presentar unha moción para instar á Xunta de Galicia a establecer un acordo para que o canon da auga se reparta con criterios de igualdade e que as entidades locais poidan recibir en investimento o 50% das recadacións que se realizan en cada concello. “En Ordes levamos catro anos reclamando o arranxo dos dous depósitos de auga de Reboredo, que presentan fendas importantes e onde o Concello está utilizando o depósito de decantación para parchear o problema, e resulta que a Xunta non investiu aquí nin un so euro do recadado polo canon da auga en Ordes dende a súa implantación no 2012”, explica Alejandro Manteiga, voceiro municipal.

Unha situación que contrapón coa implantada pola Deputación Provincial da Coruña no seu Plan Único, caracterizada pola transparencia na asignación de recursos e a distribución dos fondos en base a criterios obxectivos como a poboación, a superficie, o número de parroquias ou o esforzo fiscal do municipio. “Con estes criterios do Goberno do socialista Valentín González Formoso, Ordes recibiu 1.575.073 euros no 2018, o dobre do que achegara Diego Calvo no seu último ano como presidente da Deputación: 773.491 euros”, apunta Manteiga.

Por iso, os socialistas proporán na próxima sesión plenaria que o Concello de Ordes inste á Xunta de Galicia a optar por un modelo de reparto das axudas aos municipios transparente e propio do século XXI, optando polos criterios obxectivos fronte ás subvencións “a dedo” e con criterios subxectivos.